ELABORACIÓN DE INFORME SOBRE A REALIDADE DAS ONGD GALEGAS

Fecha: viernes, 29 de julio de 2022
ELABORACIÓN DE INFORME SOBRE A REALIDADE DAS ONGD GALEGAS

Nestas semanas Wayna Consultora colaborou coa Coordinadora Galega de ONGD para o Desenvolvemento (CGONGD) no deseño e  redacción do seu “Informe 2022 da CGONGD. O traballo das ONGD galegas no mundo: a sororidade entre mulleres”, publicado recentemente e accesible pinchando neste enlace.

A CGONG é unha plataforma na que se aglutinan a practica totalidade das entidades que conforman o sector da cooperación internacional para o desenvolvemento en Galicia, contando actualmente con 43 ONGD socias. Un dos seus obxectivos é a visibilización e fortalecemento do sector, cobrando especial relevancia a incidencia política e a mobilización social.

Con este obxectivo publicaron o “Informe 2018 da CGONGD. O traballo das ONGD galegas no mundo”, primeiro documento que elaboran no que se recompila información detallada sobre as accións das ONGD galegas nos países empobrecidos, así como datos da organización interna das entidades. Neste 2022 decidiron apostar pola continuidade nesta liña e publicar un segundo informe coa actualización dos datos, axudando a debuxar a evolución das ONGD nestes anos.

Este informe é froito dun traballo colaborativo de diferentes entidades baixo a coordinación da CGONGD: desde EMAPIC de cartoLAB xestionaron a recollida de datos, Conxenia foi a encargada da edición e maquetación e Wayna Consultora foi a responsable da redacción e deseño do informe. E, sen dúbida, a implicación da entidades aportando os datos é o piar de todo este traballo. Este Informe 2022 foi posible grazas á participación de 35 ONGD, representando o 81% das entidades socias da CGONGD).

Os resultados do informe apuntan a un titular claro: “o traballo das ONGD galegas nace do impulso da sororidade entre mulleres diversas para construír un mundo máis xusto para todas”. Ademais da tradicional feminización que existe no sector da cooperación (persoal voluntario e traballador), este informe constata a fortaleza do enfoque de xénero nas accións de cooperación xa que o 63% das persoas beneficiadas dos proxectos no exterior foron mulleres e, ademais, un de cada dous proxectos tiñan ao menos unha acción orientada de xeito directo á mellora da calidade de vida das mulleres.

Este informe resulta de interese para todas a aquelas entidades ou persoas que queiran coñecer con detalle cal é a realidade actual das ONGD galega. Pódese acceder ao Informe Completo ou ao Informe Resumido.

 

Enlace á web da CGONGD: https://galiciasolidaria.org/